III Xornadas de Saúde Perinatal os vindeiros días 26 e 27 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela
Estimado/a amigo/a
Teño o pracer de comunicarlle a celebración das III Xornadas de Saúde Perinatal os vindeiros días 26 e 27 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela . Esta actividade está organizada no marco das actividades programadas dentro do Proxecto de Mellora da Atención Perinatal e da Estratexia de Atención ao Parto do SNS que o SERGAS está a desenvolver coa colaboración do Ministerio de Sanidade e Política Social.
Estas xornadas, promovidas pola S.X. de Planificación e Ordenación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, contan co apoio da IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e á lactación), UNICEF-Comité de Galicia, Comité de Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría, Sociedade Galega de Xinecoloxía e Obstetricia, SOPEGA; AGAPap, Asociación Galega de Matronas e asociacións de usuarias como FEDEGALMA e EPEN.
O obxectivo esencial das Xornadas é sensibilizar aos profesionais e á poboación en xeral, de ter en conta as necesidades especiais da muller durante a maternidade así como as necesidades básicas do recentemente nado nun momento tan vital e vulnerable como é o nacemento, tendo en conta tamén, as súas necesidades durante a primeira infancia.
Esta xornada, pretende unha vez máis, ser un punto de encontro para profesionais e organizacións que teñen en común o interese por mellorar a saúde perinatal. Este ano contamos cun espazo para comunicacións libres.
Para actualizar os nosos coñecementos e coñecer ás últimas investigacións no ámbito da saúde perinatal, contaremos coa presenza de expertos e expertas que nos darán unha visión actualizada e realista da atención que estamos a dar ás mulleres e aos/ás pequenos/as, informándonos das recomendacións internacionais e os proxectos que se están levando a cabo para mellorar a calidade asistencial no noso país. Co lema da Xornada, ? Avanzando na humanización da saúde perinatal ? , queremos poñer de relevancia a importancia de seguir traballando na mellora da asistencia ao nacemento e á maternidade para a saúde da poboación. Os profesionais temos a obriga de facilitar que o nacemento do seu fillo ou filla sexa unha experiencia satisfactoria e positiva para ambos e se respecte o establecemento do vínculo afectivo tan importante para o futuro de ambos e de toda a sociedade.
Esperamos contar coa súa asistencia a estas Xornadas, así como a súa colaboración para dar difusión a esta xornada entre o persoal sanitario do seu centro. Agradecémoslle a súa colaboración para que esta información chegue a todas as persoas interesadas ou implicadas na atención maternoinfantil e tamén á poboación, en especial ás mulleres e ás súas familias.
Reciba un afectuoso saúdo.
Mª Dolores Martínez Romero
Comité Organizador das III Xornadas de Saúde Perinatal
Para máis información, consultar na web do SERGAS: http://eventos.sergas.es
ou contactar coa Secretaría Técnica : info@atlanticocongresos.com
Tlf.: 981569040, FAX 981569042, Apartado de correos 136, 15780. Santiago de Compostela (A Coruña)